Monday 06 de May de 2024

O desfile do Entroido coruñés contará coa participación de 25 comparsas e carrozas


Os participantes partirán ás 17.30 horas da rúa San Andrés e chegarán a María Pita, onde actuará Kumpania Algazara

Inés Rey preside este venres a entronización do Deus Momo, na que actuarán Os Maracos

O Entroido coruñés vivirá este sábado un dos seus actos máis multitudinarios co tradicional desfile de comparsas e carrozas. Nesta edición hai inscritas un total de 25 asociacións da cidade e de diferentes puntos de Galicia, das que 21 que optarán aos premios do concurso.

O percorrido comezará ás 17.30 horas na rúa de San Andrés, que permanecerá pechada desde as 12.00 horas para a preparación das carrozas e vehículos de motor. Media hora antes do inicio, o xurado revisará as diferentes formacións. Tras San Andrés, os participantes atravesarán a rúa de Santa Catalina e desfilarán polo Cantón Grande e a avenida da Mariña, entrando á praza de María Pita por Porta Real. O tráfico desviarase desde a praza de Mina por Juana de Vega a partir das 17.00 horas para o correcto desenvolvemento deste acto.

O xurado avaliará as coreografías e a calidade do vestiario e das carrozas desde as oficinas do IMCE, na Casa Paredes. O Concello ofrece un mínimo de cinco premios en metálico para as modalidades de comparsas na categoría de vestiario, coreografía e orixinalidade, e carrozas. Os premios oscilan entre os 500 e 1.500 euros en función do posto final, ademais de premios á orixinalidade e accésits.

O grupo portugués Kumpania Algazara amenizará o ambiente en María Pita segundo vaian chegando as carrozas e as comparsas cun concerto. Está previsto que a entrega de premios teña lugar ás 20.30 horas e terá lugar no escenario da praza de María Pita. Tras a cerimonia, Kumpania Algazara ofrecerá un concerto, a partir das 21.30 horas.